ROMPE

Disponibilidade: Esgotado

Desde a magnitude que abraia
xa non tento buscar os fósiles incrustados nos penedos;
nin procuro que alguén atope as pegadas que fun
deixando ao agatuñar
polas pólas dos ameneiros.

Sosteñen o peso que
como paso de
ave chiando nun lugar que non chegamos a observar
pecha os ollos e despois dorme.

Toda civilización ten o seu intre na historia. Eu teño
a herba mollada recentemente nada; o burato sen intencións onde prender lume;
a verticalidade.

R$45,00

_sobre este livro

_sobre este livro

Quizabes sexa a terra a metáfora que mellor encarna moitos dos aspectos, da simboloxía, e das aparencias da poesía última de Manuel López Rodríguez, incluída esta fenda que ROMPE na solidez magmática das rochas. O telúrico, porén, baila unha danza sorprendente e inhabitual con imaxinaría, temas (e teimas) da ficción científica, impoñendo un xogo de cambios e de perspectivas no lector que fai pensar no Verfremdungseffekt de Bertolt Brecht e nos espellos do Calexón do Gato de Valle.

Característica presente nestas páxinas é a orixinalidade absoluta do autor. Aínda que estamos acostumados a pensar nisto como un recurso totalmente indispensábel, pois agardamos de calquera poeta e das súas obras (e non só dos poetas), algo novo: unha nova voz ou un novo xeito de dicir e de manter a conversa cultural da humanidade; a orixinalidade de Manuel López Rodríguez é profundamente anticonvencional e dobradora dos esquemas aos que desde a crítica e a lectura estamos acostumados. Malia a presenza de numerosas citas e referencias, resulta extremadamente difícil facer encaixar a Manuel López Rodríguez en tendencias ou grupos determinados; poderiamos doadamente listar e cotexar as citas, mais creariamos con isto un catálogo certamente falseado (sempre de ser o obxectivo de tal catálogo o de crear unha ‘receita’ sobre o facer poético do noso escritor). Fronte aos discursos tan de moda na teoría literaria do posestruturalismo e da morte dos autores, ao xeito de Roland Barthes, aquí atopamos un que dialoga, que negocia máis que nunca e que se perde nun xogo de significantes libres, de espellos ou de cadeas e castelos de referencias cruzadas.

Certamente, para Manuel López Rodríguez a poesía non é unha planta de invernadoiro, senón algo profundamente sentido; cifrado nun xeito de ollar o mundo moi preciso e necesario; a pescuda desa luz que latexa detrás da totalidade dos fenómenos e que, ás veces, ilumina tamén por reflexo a través da linguaxe poética. O que ‘atrapa á verba, atrapa á bolboreta’.  É Manuel López Rodríguez, coma o seu veciño Avilés de Taramancos, un “francotirador da fermosura”.  E se para Pimentel a poesía existía como o gran milagre do mundo, para Manuel o propio mundo é o gran milagre; algo que el recolle, requinta e destila para nós a través dos seus versos.

A espacialidade sería outro elemento importante a ter en conta á hora de percorrer o bosque das verbas de Manuel. Alén da natureza, toda a concepción dos poemas deste autor é fascinantemente arquitectónica, espacial. Existen certos lugares moi elaborados sobre os que despois se penduran os personaxes e voces poéticas: as diferentes ‘marionetas’ que manexa. Buscando algúns elementos que puidesen axudarnos a entender a importancia tan grande que os ‘fondos’ adquiren nesta poesía poderiamos, quizabes, ollar as relacións persoais de Manuel coas varias das artes contemporáneas: tanto no teatro, do que é ávido consumidor e, no grupo Éteatro, mesmo actor e participante, coma en certas propostas xerais máis recentes das que extrae figuras e ideas que, á súa maneira, son recicladas despois no engarce dos seus versos. Tal caso é o do escultor Giuseppe Penone, coas árbores modificadas.

performatividade deste tipo de obras tamén se contaxia ao espírito do creador que, fiel seguidor das Vangardas, asume o poema como un esqueleto ao que o lector activo compre que lle engada a carne e o sangue, o sopro e o significado como antano daba vida o Rabino Loew ao Gólem de Praga a través da escritura na súa fronte de arxila.

Por último, quixera rematar citando o “situacionismo” da escrita do poeta de San Lázaro. De novo, as palabras poden levar a engano: por situacionismo referímonos, certamente, ao compromiso claro deste libro co seu tempo e co seu lugar, mais isto non debería entenderse no senso da poesía ‘comprometida’, ‘arma cargada de futuro’, ‘manifesto’, etc…  Manuel López Rodríguez nunca se coutou de expresar ben ás claras as súas opinións políticas e as súas visións da realidade nas diferentes charlas e recitais organizados polo Colectivo ‘Sacou’, mais sen que isto entre en contradición coa percepción propia de que a linguaxe poética é un discurso ‘doutra orde’, que tamén reflexiona sobre todo (incluídas as realidades sociais e culturais) ‘nun outro estilo’ condenado a carrexar ao lombo para sempre unha pedra de Sísifo, ou complexísimo encaixe de Camariñas, no que facer rimar a estética coa epistemoloxía sendo, o resultado, dobremente iluminador para os dous terreos.

Manuel del Río Rodríguez

 

 

_outras informações

isbn: 978-65-87076-15-7
idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 14 x 19,5cm
páginas: 70
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2020
edição: 1ª edição

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0