_sobre este livro
Diego Bará Louro fai o seu debut como autor a través do poemario que tes nas túas mans. É por iso que lle pon o nome de “A miña utopía”, onde reflicte o mundo que desexa, mostrando que a realidade dista moito de ser a ideal.
Neste volume podemos atopar un recompilatorio de poemas de temática social, dende unha ollada intimista, que invitan á reflexión máis alá do que resulta convencional. Con tan só 23 anos fai unha análise da realidade partindo da perspectiva que lle proporcionan os seus valores e ideais.
No seu grito de loita podemos ver como o seu escudo se fortalece con esperanza e a súa espada se forxa con palabras. Baixo este conxuro, critica á sociedade e ós piares que a conforman, deixando ver que o cambio é posible se non se cede ante as adversidades.
Aínda así manifesta non estar disposto a renunciar a todo aquilo que considera que pode salvar ao pobo da corrupción que se agocha tralo silencio, e faino na súa lingua materna, o galego.
Este rapaz pontevedrés bebe das correntes do movemento nacionalista galego, e fala das voces femininas silenciadas a través da historia, mostrándose como altofalante delas.
Coa súa poesía fai unha declaración de intencións onde amosa parte do coñecemento adquirido nestes anos, a partir do seu entorno e da súa formación.
Pon especial énfase na importancia da cultura e a lingua propia, resaltando a diversidade e a riqueza das diferentes nacións, onde Galiza se sitúa como fogar.
Considera, pois, que non hai nada tan seu, nin con tanto dereito a selo, como é a súa lingua, a súa fala e os valores que a acompañan.
Rocío Lojo Yáñez e Jessica Ortigueira Iglesias