A boa filla

Disponibilidade: Brasil/Europa

A memoria condénsase apenas nunha pelotiña
pequena e pesada,
para que eu poida apertala dentro do meu puño.
Para que poida percorrela sen medo
e facela rodar.

prevenda ata o día 25/11

R$45,00

_sobre este livro

_sobre este livro

Das moitas posibilidades que ofrece a poesía non resulta a menor a de facer minguar as dores. As dores que se presentan nun tempo tan turbulento, cal o que estamos a vivir nos días en que artello este prólogo logo de ler un libro tan cheo de perplexidades cal o que nos expón MN Soutelo con A boa filla. Un libro exemplar no que mancan, xustamente, as exemplaridades. Porque lonxe de morais, moito menos moralinas, o que o volume, polo demais non nada voluminoso, de MN Soutelo, pretende —entendo— é explicar, explicarse, algunhas cousas ao xeito nerudiano. O único que no poema que veño de lembrar o chileno empregaba unha linguaxe surreal, suprarreal dicían daquela, e MN Soutelo tripa o chan con maneiras tan da terra como esa froita que se combina coas flores dos defuntos, en imaxe memorable coa que veño de titular o meu proemio. E é que nada se axeitan mellor que a gloria, aínda que esta sexa efémera, e a dor, fugaz igualmente (e que ben). Por iso a ligazón souteliana, Eros—Tánatos, combina de marabilla co resultado final, co remate, dun libro que se pregunta, nun maxestoso ubi sunt? soamente que en francés, por todo aquilo que fora ficando no camiño. A nai, en preito que este libro fai por resolver, o pai, lembranza nebulosa nunha caixa de charutos Romeo y Julieta, tan lorquiano, tan poéticamente García Lorca, o produto. Ese pai que xorde nun poema da liña clara a proxectar riba nosa unha chea de imaxe confortadora desas das que semella imposible liscar. Eu, permítaseme a confidencia de prologuista se cadra impertinente, tampouco quero facelo de puro ben que me sinto dentro dese poema que me leva a certa figura, tamén nebulosa na miña memoria. E logo da nai e máis do pai xorde, mágoa fóra, a filla. Dun xeito ideal, que non idealista, que non é o mesmo aínda que o pareza. Que unha vez que a máscara (a persoa, non se esqueza) vai polo chan, MN Soutelo descubre que a súa prata, prata vella, ten moito que dicir, que gastar aínda, no percorrido do tempo e máis da súa usura. Vernizado polo finximento aquel do que falaba Pessoa. Que aquí apenas se deixa ver nun verso/ beixo polo demais arrepiante e que se traduce nun “abrir ben as pernas ó pracer finxido”. Verso tan reflexivo que dá xenio ou mete medo, para o caso case o mesmo, a mesma historia, a mesma vella melodía. E é que a noite, aínda sendo “un bebedeiro de estrelas”, é en MN Soutelo moito máis que un sentimento tan vorazmente sentimental cal a poeta “murcha e exhausta no loito”. Non, non é un libro este para pasar o tempo. Porque nel o tempo o que fai é pasar riba nosa facendo de nós anaquiños, vidros baixo da chuvia. Pedaciños de nós mesmos recompostos por MN Soutelo nun crebacabezas monumental. Porque soamente desde a propia experiencia o poeta, cando tal (e eu confeso, a estas alturas, nin querer nin poder perder o tempo con miudezas poéticas), é quen de nos erguer das lousas do camposanto. Onde van parar esas flores para os defuntos. Os versos desta autora, que me conmoven, que me arrebatan da mediocridade ambiental, son para min froita do tempo. Tan fresca, tan fresca como a brisa que me vén, que me entra polo balcón da vida, mentres —na rúa— o aire estes días viaxa viciado. Eu, cunha sensación de alivio ao ler, a esta autora, que me chega do corazón de Galicia. MN Soutelo, poeta grande para un tempo triste. Poeta escuramente nidia, que me reconcilia con tantas cousas que se foron perdendo.

VICENTE ARAGUAS María N. Soutelo

_outras informações

isbn: 978-85-7105-098-0
idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 14 x 19,5
páginas: 62 páginas
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2020
edição: 1ª

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0