Manuel López Rodríguez


(Noia, 1978)
Comezou a escribir con 17 anos. Foi co-fundador do Grupo Literario Avilés, da Tertulia Literaria Adamajuana, da Asociación Teatral Éteatro, do Colectivo Literario-artístico Sacou e do dúo poético-
musical NoN SomoS NóS. Foi ou segue sendo membro tamén da Asociación Audiovisual Paradiso e da Asociación Cívico-cultural Terra de Outes, responsábel fundador de Acha Escrava Editora e da plataforma artística e literaria A Lanzadeira de Alcor, organizador do Encontro Nacional de Poetas en Idioma Galego, creador da extinta emisora de radio en galego por internet AnfiteatroGZradio, e locutor na tamén extinta Radio Noia.
Como escritor ten no seu haber un premio no Certame de Poesía Concello de Mos, o Premio Suso Vaamonde de Poesía, Premio Ánxel Casal, Premio Virxe do Mar, o segundo premio Leiras Pulpeiro de Poesía ou o Premio López Ardeiro de Poesía, entre outros. Publicou un libro individual, Antítese nativa, e participou noutras publicacións de carácter colectivo: 21 poemas por man propia (Colección Bourel), Arquitecturas (M Editora) e distintas revistas literarias (Século XXI, Voceiro Treme a Terra, Casa da Gramática, Dorna, A Caramuxa, etc.). Foi un dos poetas que representou a Galiza no World Poetry Day organizado polo Pen Clube en Santiago de Compostela.
Na actualidade estuda Historia da Arte e, alén da poesía, experimenta coa fotografía, pintura e vídeo.
Gústalle definirse como outsider e camiñar polas periferias do verso.