_sobre este livro
Por circunstancias da vida e das letras, souben da existencia de Yolanda López hai arredor de un ano. Como me acontece de cando en vez, espertou en min esa admiración que sinto cando atopo unha artista multidisciplinar, capaz de verter a súa poesía a través da pluma e tamén do pincel.
Filóloga, tradutora, docente, investigadora en diferentes universidades españolas e estranxeiras, autora de diversos poemarios individuais e merecedora de numerosos premios literarios, Yolanda López é ademais unha autora completa, en cuxa obra fica reflectida a súa vasta formación e a súa inquedanza pola aprendizaxe permanente.
A ela e á súa escrita únenme a influencia anglosaxona, a pegada rosaliana, o gusto pola palabra precisa que invoca imaxes poderosas e, como non, a sororidade. Tiven a sorte de recitar conxuntamente con Yolanda López no V Festival Solidario Internacional de Poesía celebrado en A Coruña en decembro de 2018. Conmoveume ler canda ela versos como “Ollade ao lonxe, é ela, Virginia, con Mrs Dalloway/ coma unha bolboreta branca, flor crebada e sutil/ nena golpeándose dende a torre do abismo (…)”, do seu poema A anfitrioa, recollido na súa marabillosa obra Tántalo.
En A secuestradora de océanos dei cunha Yolanda López evolucionada e innovadora no fondo e na forma. Desta volta constrúe un libro de poemas breves, intensos e cargados de plasticidade.
Entre pastel vermello e óleo satinado lévanos de Lugrís a Modigliani. Tamén nos propón viaxar no tranvía do desexo cara Lisboa, voar entre barcos de cartón nun festín de luz en Eivissa, danzar na neve néboa d’Os Ancares ou bater nos confíns do Caribe tropical.
A secuestradora de océanos é ademais un libro dun erotismo latente en moitas das súas páxinas, nas que atopamos “sabas opacas que falan co murmurio esmeralda de pianos distantes”, “poros famentos por contemplar a túa nudez”, ou “dedos rachando/ como nordesía que navega/ coma o lume intenso/ queimando as miñas nádegas molladas”. De fondo, música, que provén de zanfonas que cantan vida na noite ou mesmo de violíns ultramar.
Coma as pasionarias que retrata no seu libro, estamos ante unha Yolanda López erguida polas súas ansias de liberdade, guerreira pola súa sede de xustiza e sabia coma unha filósofa clásica que agocha un universo sobre o que reflexiona decote.
Convido a lectoras e lectores a navegar por este poemario coma quen visita unha exposición de pequenos e fermosos óleos nun museo á beira do mar.
Claudia Castro