_sobre este livro
Poemas da cidade oculta imprímese por vez primeira en 1996.
Daquela eu tiña tres anos e non sabía máis do que os xelados e as améndoas. A min non me mordeu de nena unha balea, pois a distancia entre Cee e Vigo fai cambiar absolutamente a arquitectura toda das cidades, das imaxinadas e das outras tamén.
ISTO É UNHA ADVERTENCIA e non un limiar adormecido:
Agardan infancias ocultas en tódalas cidades polo opio na escaleira.
É así este libro un mapa ou un artificio, un amante preciadísimo que recala nas tabernas e nas camas de domingo porque morrer é alonxarse do peso das cousas e os corpos procuran cómplices para seren máis livianos. Nesta cidade oculta, para saber amar hai que saber fuxir. Deste xeito apréndenos as verbas a percorrer as rúas coa certera posibilidade da morte. Nada significa o sexo se vivimos para sempre, nada os afectos, nada os libros que non lemos. Hai que saber morrer tódolos días.
Coñecín a Estevo un xoves, senteime na derradeira fila namentres construía no ar un poema inmenso do que ía tirando coma nunha Cello Suite, cada vez máis e máis forte, e máis armónico, e máis fiado. Había un único poema, e así entendín eu que tal vez estamos sempre a escrever o mesmo libro. A obra que tes nas mans é fascinante e grotesca, oscura e tenra. Coma calquer animal que se aferra a vida.
Cunha inmensa admiración e agradecemento, imposible de cadrar neste alfabeto. Estevo Creus
Cynthia Menéndez