Novembro

Disponibilidade: Brasil/Europa

Ardente outono
entras pola veiga
subindo gabancioso polos esteos das fabas
repinicando cos cotobelos nas bufardas
atoando os sendeiros de regreso.

Constrúes un armazón agrisado
estendendo co esparavel artesán
o novo remozado.

Un insensato
que veu desamañar a mesa repleta do estío.

 

 

R$45,00

_sobre este livro

Non parece que sexa a penúltima estación do ano, se tomamos o ano como unha liña recta e non como un círculo planetario no que xiramos arredor do lume do sol. O outono sempre queda para o final, a máis deostada das estacións, o máis insípido do rolar dos días.
Non así para as persoas novembras, saxitarias, libras, que atopan o seu encanto no percutir dos anos contra as tempas, un latexo máis.
“Novembro cobre as paredes sufocadas”, di a autora, tratando de erguer do chan as follas que deitaron as árbores ao deshabitarse, os niños dos paxaros desafiuzados polo frío e xa á intemperie como marañas entre a maraña das pólas e esa tornasolada luz do día é para enchela de sensacións.
Pura Tejelo agasállanos neste novo poemario demorado, de lume lento e coruscante das follas do liquidámbar, unha punzada no corazón que se chama pracidez.
Non é este un poemario sobre o paso do tempo onde o outono é a medianía, nin de amor ou nostalxia polos líquidos diamantinos do verán, a suor e auga salgada. Non é o devezo pola neve nin o discurso estremo da poeta desde a cúpula do mundo. É un manual de sinestesia no que espreguizarse coa galvana das horas contemplativas onde ir facendo reconto do amado, do perdido, do aprendido e do porvir. Poemas limpos como unha rúa traschovida, o diálogo da alma vella co vello mundo, a tranquilidade do xa feito e todo disposto para saborearse nun mantel que vai transpasando a humidade do chan nun arreguizo que indica a chegada da noite. Contra as sete da tarde, en novembro, somos un imperio nórdico no que a mente fica soa para alampar versos coma estes, íntimos e universais, cheos dun aquí que pode ser calquera lugar e calquera idioma. Cubertos por unha capa de humus que dará fertilidade ao bosque que nos cómpre amar, que vai indicando o trazado dos xardíns de inverno, dos cheiros e chasquidos, dos silencios atravesados pola cremalleira do pensamento mentres o corpo da poeta (e tamén o da persoa lectora, que axexa) pasea silente por unha vila pechada á tardiña, deixando constancia de xanelas iluminadas con ton de licor e chemineas fumegantes, unha Innisfree, unha ribeira do Ouse, Stratford Upon Avon, Bamberg na súa delicada paisaxe bávara, calquera ferrado dos que se poden camiñar en Chambord ou Cheverny. “A beleza é propiedade das casas brancas” e, no paseo polos curtos días de novembro, a poeta descasca o ovo branco das casonas para comelo con degoro, como cando o ovo era sinónimo de alma.

Emma Pedreira

_outras informações

isbn: 978-65-5900-154-5
idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 12 x 16,5
páginas: 96 páginas
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2021
edição: 1

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0