“Non sei como pasan os días, non me incumben, só entendo de como ata o máis minúsculo dos meus cordeis se cingue ao impronunciable nunha altura que escapa ao cálculo dos técnicos nas cousas.
E é amor. Amor dos amores.
Padecemento delicioso que non coñece esclusas.
É o vento que transporta as dunas a puñados inofensivos ata o remate monumental.
É desfacerme no aire electrizado que me foxe da boca logo de pulsarme os nervios.”
R$45,00
_sobre este livro
_sobre este livro
A feroz Santa Inés
Palabra feita corpo, moldeada a pé de escena, de creadora a creadora coa firmeza dun compromiso valente de exploración que non se detén no papel. Convite libertario a un diálogo creativo atravesado dunha poética precisa, icónica e afiada.
Invoca Lorena Conde o son dunha gruta fonda, os ecos da auga que pinga a pinga van inundando o estatismo dun cadro aparentemente relixioso. Por aquí transita a feroz Santa Inés, o año de Deus, lembranza da muller lánguida, competencia dun corpo en proxecto coa imaxinería dun santoral, o retrouso dun amor que non coñece lindes, a ladaíña de ser boa de ser boa de ser boa.
A que deixa abertas todas as moradas, todos os xardíns, Inés-Santa-Inés, a do interior inabarcable, convertida en aspirante a unha santidade laica para a que este mundo non está afeito. Teremos que chamarlle fe, teremos que chamarlle devoción e adaptar o éxtase da muller de vidro, prometida de si mesma. Deternos a observar as marxes dunha mística escollida, chea de silencio e soidade.
A feroz Santa Inés coa afouteza de ser libre, camiñando sobre la, sen reparar na grea de lobos que fan do camiño un matadoiro cheo de ouveos sedentos, que olen sen descanso o territorio dun corpo inabarcable de corazón flamíxero. Imaxes turbadoras cargadas dunha simboloxía que acabamos por sentir como propia.
Gena Baamonde
_outras informações
idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 12 x 16cm
páginas: 56
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2019
edição: 1ª edição