FMĒNI

Disponibilidade: Brasil/Europa

A rosa é o corpo

e dentro a paisaxe coñecida

cando se camiñou por aqueles corgos
tentando aprendelo todo no oeste extremo

estase preparada para o xusto
encontro co que é bo encontrarse
preparada para atoparse

[con] algo

que vén desde non se sabe

prevenda ata o día 30/6/2023
10% de desconto na prevenda
Os libros serán enviados pos o termino da prevenda

 

R$50,00

_sobre este livro

Dos beizos incriblemente abertos da flor

O poema esperta na rosa. Dá brazadas no aire. Corre no soño do idioma. Estira a memoria nocturna da lingua, rompe, curva a auga contra a pedra. É de ninguén. Entre as palabras, o raio do día, o poema abre os ollos na ría, o mínimo para que o sol poida entrar. Perla, tensa cada letra no canto. Liba, non produce o mel. Murmura, pregunta, suplica. Na cesura, no encabalgamento, unha síncope, un espasmo. Este libro é unha flor que se abre. Abrirse é o seu interior.

De onde vén este nome, FMĒNI, esta luz que pestanexa? Conta Roberto, mentres o sol baixa dende a banda de Rianxo, que, xa repousado o libro, lembrou un soño, o soño co que Sócrates quixo acalmar a Critón ante a inminencia da morte asumida: “que chegues á fértil Ftía o terceiro día”, dicíalle unha bela muller de branco pouco antes de espertar na compaña do amigo. A semellanza entre os nomes, traída á conversa como coincidencia, nada máis que afastada resonancia, quixo, porén, ficar nestas liñas. Non é esa permanencia do máis amado o que a lingua balbuce, sen sabermos se promete ou recorda?

Aliquid FMĒNI erit. Con todo, aquí o profético non encamiña un sentido. O que se anuncia está baixo da pedra que dorme na praia, nos corgos do oeste extremo, na suavidade do ópalo, na excitación da seimeira, en cada atómica fulguración da materia, no reflexo cristalino das garzas, na finitude ondulante da lagoa. O sol novo só sabe nacer, prender íncipit para continua fuga, e así pasa esta lingua por quen a escribe e por quen se lle dá a ler, así cruza o ceo e arde en formas sen reservar recurso.

Será ese silencio primordial do que nos fala o poema a voz que se quebra na lectura? Será a mudez o golpe teimoso para que a lingua recorde, para que aprenda a morrer? E así, nela, despregados, brillen os corpos, como brilla o incendio da letra na noite deste libro. Xa non sentido, dedicatoria, o mundo enteiro enfiado nos ollos do que dándose desaparece. Estase disposta, di o texto, e está disposta a palabra ao movemento cego da forma, ao que nega por un si pequeno, imperceptible, intermitente. No bordo da lingua, no límite do longo corpo común, onde chegamos espidas de dor, onde a curva fértil fai escuma, escóitase o que resiste.

Nieves Neira

_outras informações

idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 14x19,5 cm
páginas: 52 páginas
ano de edição: 2023
edição: 1ª

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0