Trovei pra ti um soneto

Disponibilidade: Brasil/Europa

Trovei pra ti um soneto meu amigo
pois leda m’ando eu nas verdes ervas
xogando coas amigas e coas cervas
gozando máis que gozaba contigo

Se cuidas qu’estes versos som castigo
e sofres e te inflamas e te enervas
direiche aquí deitada nestas ervas
que a túa enervaçom me importa um figo

Por isto m’ando eu leda e louçana:
xacando fui ao bailar e de romeira
e o meu branco brial rompeuno Xiana

Xa danço com Inês so a avelaneira
xa volvo a agua d’Elva na fontana
xa máis nom fico amigo sem barqueira

R$45,00

_sobre este livro

_sobre este livro

Sonetos. En aparencia unha sinxela arquitectura a base de hendecasílabos. Hendecasílabos? Agora entendo ben o que significa meterse en camisa de once varas! Agora comprendo que dicir sonetos é o mesmo que dicir física cuántica, estar vivo e morto ao mesmo tempo, simultaneamente subir e baixar a escaleira. Que sibilino Óscar García Ramos! Non é un poeta, non, é máis do que iso: un xadrecista poeta!!! E tardei en comprendelo, ou sexa, tardei máis do debido e non tiven xa escapatoria. Cando quixen remexerme xa me tiña atrapado no seu taboleiro de sonetor en posición de xaque mate. É por isto que o que aquí escribo, caro lector, vén sendo unha advertencia. Atención pois con este autor que se nos achega sen sentilo e nos musita case sen querer, cunha súa expresión de tímido atrevemento, algo tan indecente como “Trovei pra ti un soneto”. Xa non tes nada que facer, xa es o gato metido na caixa.

Cos seus cuartetos (ou sirventeses) e tercetos vai tramando pouco a pouco a súa orixinal visión poética, un seu universo que vai expandíndose case imperceptibelmente con ese ritmo repetitivo ABBA etc., coas súas sutilezas ou pequenas variacións, con constancia, con paciencia. Para que présas! Total xa estamos mortos (maldito e bendito Óscar!).

E si, aquí estou eu definitivamente derrotado intentando escribir sobre cousas das que nada sei porque non sabía que non sabía nada delas. Non sabía que nada sabía de sonetos (sonetor) nin sabía que nada sabía de xadrez e, moito peor, non sabía que Óscar quería que eu escribise aquí precisamente por iso, porque el si sabía que eu nada sabía. En fin, puro Schrödinger, e se non, puro Cheshire, e, en último caso, gato galego e punto.

Tardei en ver o taboleiro, as pezas, os movementos, o xogador… Cego! Pero aínda así non era escusa, tamén Borges, e que ben viu. Os sonetos de Borges, o seu xadrez de hendecasílabos. E entón -xa vos dixen, era tarde!- comecei a entender: a Maga, os seus movementos de cabalo de xadrez, de torre (Cortázar dixit); Pizarnik, dispoñendo os días como fronte a un taboleiro de xadrez;

por que non tamén esa partida marxista, esa loita de contrarios (brancas e negras)? Por que non, radicalmente, esa partida definitiva entre a presenza e a ausencia, entre a vida e a morte?

Xosé Luís Mosquera Camb

_outras informações

isbn: 978-65-5900-008-1
idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 12 x 16,5
páginas: 58 páginas
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2020
edição: 1ª

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0