Rebeca Baceiredo


(Ourense, 1979) é licenciada en Ciencias da Comunicación, Doutora Cum Laude  en Filosofía, cunha tese a propósito de Gilles Deleuze, e cun Máster en Arte, Museoloxía e Crítica contemporáneas. Recibiu o premio de ensaio Ramón Piñeiro pola obra O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo  (2006, Galaxia). Posteriormente seguiu publicando ensaio filosófico, en torno á ontoloxía, á estética e á filosofía política, a través do que aborda a actualidade do sistema. Algunhas destas obras son A revolución non vai ser televisada  (2013, Euseino? Editores), na que aplica o pensamento deleuziano á composición económico-política do suxeito, así como a súa posible descomposición epistemolóxica e ontolóxica, ou Capitalismo e fascismo  (2015, Euseino? Editores),  no que profundiza nas formas de subxectivación e nas concrecións materiais dos subalternos ao longo da historia do capitalismo, vinculándoas coas sempre latentes emerxencias do fascismo. En Oikonomía do xénero  (2016, Axóuxere),  aplica o dispositivo ontolóxico desenvovido nos anteriores á historia e á perspectiva de xénero, e co A verdade errada e a representación errante (2018, Euseino? Editores) regresa á análise das constitucións ontopolíticas a través da imaxe. Así mesmo, publicou libros coma (repeat to fade)  ou E meterei a miña lei no seu peito  (2011e 2014, Estaleiro editora),  nos que o pensamento se desfai das formas académicas e se achega, cabalgando nas fronteiras da desterritorialización, á prosa poética. Mais a deconstrución dos xéneros tamén aparece na obra xornalística, que introduce por veces a narratividade. En poesía o seu primeiro libro foi O canto da sibila (2016, Galaxia).

https://gl.wikipedia.org/wiki/Rebeca_Baceiredo