Emma Pedreira


(A Coruña [eumesa de corazón], 1978)
A súa traxectoria literaria comeza na década dos 90, encaixada, por tanto, dentro das poetas desta xeración. A calidade da súa obra vén avalada por numerosos galardóns, entre eles algúns outorgados á súa obra poética, como o premio Johán Carballeira, en dúas ocasión, no ano 1998 por Diario bautismal dunha anarquista morta e no 2000 con Velenarias; Eusebio Baleirón no 1999 por Grimorio ou o Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas (2018), entre outros. No ano 2017 o seu poema A lista da compra da viúva, recebe o  premio internacional Jovellanos ao “mellor poema do mundo”. Completan a súa produción lírica: Corpo (2001), As posturas do día (2001), Os cadernos d’amor e os velenos (2002), Casa de Orfas (2006), Xoguetes póstumos (2010), Antítese da ruína (2011), Libro das mentiras (2012), s/t (2015), Antídoto (2018), poemas soltos e pezas verbo-visuais publicadas en revistas (Festa da palabra silenciada, Dorna ou Grial), así como en antoloxías. Tamén a súa narrativa é galardoada: Premio Narrativas Quentes no 2016, por Corazón e demais tripas; o Xerais no 2018 por  Besta do seu sangue e en 2019 o Jules Verne de literatura infantil e xuvenil coa obra Os corpos invisibles. As súas últimas obras publicadas son Os libros que hai en min (2021), unha autobiografía literaria e bibliópata e un libro a catro mans xunto con Marilar Aleixandre, Juana de Vega a muller que desafiou o seu tempo (2022)
O tinteiro do seu avó esperta nela a paixón polas formas, a mancha que se expande na tinta chinesa soprada; con elas crea os primeiros deseños para as follas voandeiras do colectivo Humilladoiro. Despois virán as colaxes, libros de artista e poemas visuais, onde a palabra non deixa de ser a cerna.