Vanessa Glemsel


(Castrelos, Vigo, 1987)

Lercha, creadora poética e recitadora. Cursou o Grao en Estudos de Galego e Español na Universidade de Vigo, aínda que tamén se formou en disciplinas como improvisación teatral, técnica vocal, teatro, escritura creativa ou creación poética.

Desenvolve o seu labor artístico no eido da palabra falada (spoken word) e a poesía escénica. Creou con Nuria Vil o espectáculo de poesía oral Dúas gamberras e un micro.  Participou na creación e representación da peza de intervención escénica Campo de Batalla  do extinto Grupo F. Interveu en múltiples festivais e eventos poéticos nacionais e internacionais.

Realizou traducións para a escena e o audiovisual. Os seus textos están espallados nas páxinas de proxectos moi diversos: libros (Artistas  —Davida, 2018—, Dentes para a mazá  —Chan da Pólvora, 2018—), fanzines, revistas…

Colabora na organización e produción de eventos culturais e desenvolve proxectos de edición. É colaboradora na revista Tempos Novos . No ámbito da educación non formal imparte obradoiros de diversa índole e aulas de tradición literaria galega na escola de escritura creativa Aliteraclara .