Roberto Abuín


(Rianxo, 1979)

Filósofo, escritor e editor. Estuda Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, seguiu estudos en Antropoloxía na Universidade da Terra (Oaxaca, México), baixo a guía do teórico e activista Gustavo Esteva, afondando na obra de Iván Illich e no estudo de ontoloxías indíxenas. Foi un dos iniciadores e director literario da editorial independente mexicana Almadía, unha das editoriais de referencia hoxe en día en literatura contemporánea hispanoamericana, tamén é un dos fundadores e actualmente editor de mesa de Axóuxere Editora. Adicouse fondamente á filosofía e á poética, investigando os espazos limítrofes entre pensamento e literatura, buscando un dicir outro, radical e convocador de inteleccións e sensibilidades críticas. Publicou ensaios e obras literarias en varias revistas. Tamén deu conferencias de filosofía, antropoloxía e literatura en varias universidades e espazos culturais diversos. Entre outras cousas, publicou Ogham ou arredor da escrita (2017), Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno (2018) e Todo ser humano é un artista (2020).